Irrigación
A irrigación ou regadío é unha técnica utilizada na agricultura que ten por obxectivo o fornecemento controlado de auga para as plantas en cantidade suficiente e no momento correcto, asegurando a produtividade e a supervivencia da plantación. Complementa a precipitación natural, e en certos casos, enriquece o solo coa deposición de elementos fertilizantes.
A agricultura de irrigación
editarA agricultura de irrigación consiste na subministración das necesarias cantidades de auga aos cultivos mediante diversos métodos artificiais de irrigación. Este tipo de agricultura require investimentos de capital e unha coidada infraestrutura hídrica: canles, cales, aspersores, depósitos etc., que esixe, á súa vez, un desenvolvemento técnico avanzado. Entre os cultivos habituais de regadío destacan os froiteiras, o arroz, o algodón, as hortalizas e a remolacha.
O recurso auga é imprescindible para a produción de cultivos, da súa dispoñibilidade depende a formación de nova biomasa vexetal. En cultivos como o tomate e a leituga os contidos de auga no interior da planta superan o 90 %. É claro que a auga é peza clave para producir máis alimentos, pero tamén é claro que hoxe en día constitúe un recurso cada vez máis escaso. Para exemplificar o consumo de auga na agricultura supóñase a meta de produción dun trigo de 5 t/ha, onde se precisan arredor de 500 L de auga para producir 1 kg de materia seca; isto resulta nun consumo de 2,500 m3 de auga/ha para producir ese rendemento.
Historia
editarAs investigacións arqueolóxicas atoparon evidencias de irrigación en lugares nos que a precipitación natural era insuficiente para soportar cultivos coa agricultura de sequeiro.
A irrigación perenne practicouse na chaira mesopotámica onde os cultivos se regaban regularmente levando auga a través dunha serie de pequenas canles construídas na zona.[1] Os antigos exipcios aproveitaban grazas á irrigación as crecidas do Nilo, anegando terreos arrodeados por diques.[2] Hai evidencias de que o antigo faraón exipcio Amenemhet III na dinastía XII (arredor de 1800 a.C.) utilizaba o lago natural do oasis de Faiyum como depósito para almacenar excedentes de auga para uso durante a estación seca, xa que o lago se enchía anualmente da inundación do Nilo.[3]
Os antigos nubios desenvolveron unha forma de irrigación que empregaba un dispositivo semellante a unha nora, chamado sakia. A irrigación comezou en Nubia entre o terceiro e o segundo milenio a.C.[4] e en gran parte dependía das augas da inundación que fluían a través do río Nilo e outros ríos do que é hoxe o Sudán.[5]
Na África subsahariana, as culturas da rexión do río Níxer practicaban a irrigación nos milenios primeiro e segundo antes da nosa era baseándose na recollida de auga a partir das inundacións da estación húmida.[6][7]
Hai evidencias de irrigación empregando socalcos na América precolombiana, Siria, a India e a China.[2] Na cordilleira dos Andes, no Perú, os arqueólogos atoparon restos de tres canles de irrigación datadas dende o cuarto milenio a.C. ata o século IX. Estas canles son o rexistro máis antigo de irrigación no Novo Mundo.[8]
Métodos
editarOs sistemas de irrigación poden incluír os seguintes equipos e infraestrutura:
- encoros (con represa);
- balsas de augas;
- obras de toma ou derivación (presas);
- pozos, estacións de bombeo e cales para transportar a auga (incluíndo a drenaxe);
- sistemas de distribución da auga: canais, entubaxe de canal e redes de distribución presurizada.
A partir desas infraestruturas, os métodos máis comúns de irrigación son:
- Por sucos ou regos.
- Por inundación ou submersión, xeralmente, en socalcos ou táboas aplanadas entre dous camallóns.
- Por aspersión: a irrigación asperxe a auga en pingas pola superficie da terra, de xeito semellante ao efecto da choiva.
- Por infiltración ou canais.
- Por goteo ou rego localizado: a irrigación de goteo libera pingas ou un chorro fino, a través dos buratos dunha tubaxe plástica que se coloca sobre ou debaixo da superficie da terra.
- Por drenaxe.
Tradicional
editarConstrúense canais polos que se leva a auga e outros máis pequenos que a distribúen polas zonas agrícolas. Nos seus puntos terminais, os canais chegan ás arcas, que teñen un poxigo, que ao estar aberto permite a saída da auga.
Este antigo modo de regar, mediante canais polos que se leva a auga e a distribúen polas zonas agrícolas, está a caer en desuso no mundo desenvolvido, fomentándose polas administracións públicas o cambio a outros sistemas.
Novos sistemas
editarActualmente, emprégase o rego por aspersión ou o por goteo, tratados con sistemas informatizados que regulan a contía, humidade ambiental e fertilización do chan. O rego por goteo é moi apropiado para os lugares onde hai escaseza de auga.
Para implantar un sistema eficiente de rego deben de considerarse coidadosamente as relacións auga-planta e auga-chan.
Tamén existe o rego téxtil exudante, creado na década de 1980 polo enólogo francés René Petit, quen concluíu que os actuais sistemas de rego presentaban serias limitacións e inconvenientes debido ao seu deseño e que tiñan restricións a causa do material empregado na súa fabricación. Creou logo, un tubo téxtil e poroso onde a auga se aplicase ao chan a través dos poros da parede do tubo téxtil, formando unha liña continua e uniforme de humidade en toda a lonxitude do tubo poroso.
Irrigación localizada
editarOutra maneira moderna de irrigación é a utilización da microaspersión (irrigación localizada), que consiste na aplicación da auga ao chan en forma localizada, é dicir, só se molla unha zona restrinxida do volume radicular. Estes métodos son apropiados para zonas onde a auga é escasa, xa que a súa aplicación se fai en pequenas doses e de maneira frecuente, conseguindo con isto un mellor control da aplicación da auga e algúns outros beneficios agronómicos. Pola contra, é o sistema que require maior investimento inicial.
O rego localizado comezouse a ensaiar en Alemaña en 1860 e nos Estados Unidos de América en 1918, mediante tubaxes porosas ou perforadas soterradas. O sistema resultou caro polo tipo de tubaxes que se empregaban e presentaba problemas de obstrución, porque as raíces das plantas acababan taponando as saídas.
Pode afirmarse que a irrigación localizada tal como se coñece na actualidade comezou en Inglaterra, despois da segunda guerra mundial, en invernadoiros, sementeiros e xardinaxe, empregándose microtubos como emisores.
Con todo, é na década de 1960 en Israel cando se iniciou a súa expansión, tras o perfeccionamento das técnicas de extrusión e inxección dos plásticos. Así, Israel foi un dos países pioneiros da investigación e desenvolvemento deste tipo de irrigación para as súas zonas áridas, semiáridas e desérticas. Simultaneamente investigouse en Italia, Inglaterra, Francia e os Estados Unidos, chegándose a bos resultados, saltando da etapa experimental á fase de expansión agrícola.
A irrigación localizada supón unha mellora tecnolóxica importante, que contribuirá polo tanto, a unha maior produtividade. Implica un cambio profundo dentro dos sistemas de aplicación de auga ao chan que incidirá tamén nas prácticas culturais, ata o punto que pode considerarse como unha nova técnica de produción agrícola.
Notas
editar- ↑ Hill, Donald: A History of Engineering
- ↑ 2,0 2,1 p19 Hill
- ↑ "Amenemhet III". Encyclopedia Britannica (en inglés). Consultado o 2018-06-29.
- ↑ G. Mokhtar (1981-01-01). Ancient civilizations of Africa. Unesco. International Scientific Committee for the Drafting of a General History of Africa. p. 309. ISBN 9780435948054. Consultado o 2012-06-19 – vía Books.google.com.
- ↑ Richard Bulliet, Pamela Kyle Crossley, Daniel Headrick, Steven Hirsch. Pages 53-56 (2008-06-18). The Earth and Its Peoples, Volume I: A Global History, to 1550. Books.google.com. ISBN 0618992383. Consultado o 2012-06-19.
- ↑ "Traditional technologies". Fao.org. Consultado o 2012-06-19.
- ↑ "Africa, Emerging Civilizations In Sub-Sahara Africa. Various Authors; Edited By: R. A. Guisepi". History-world.org. Arquivado dende o orixinal o 12 de xuño de 2010. Consultado o 2012-06-19.
- ↑ Dillehay TD, Eling HH Jr, Rossen J (2005). "Preceramic irrigation canals in the Peruvian Andes". Proceedings of the National Academy of Sciences 102 (47): 17241–4. PMC 1288011. PMID 16284247. doi:10.1073/pnas.0508583102.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Irrigación |