Georgia O'Keeffe
Georgia O'Keeffe, nada en Sun Prairie, Wisconsin o 15 de novembro de 1887 e finada en Santa Fe, Novo México o 6 de marzo de 1986, foi unha célebre pintora estadounidense.
Traxectoria
editarGeorgia O'Keeffe naceu nunha familia de agricultores. Logo dos primeiros estudos en Wisconsin, no 1905 pasou a estudar a Chicago e en 1907 a Nova York.
No 1908 asistiu na galería de Nova York do seu futuro marido, o fotógrafo Alfred Stieglitz, a unha mostra de acuarelas de Rodin que a impresionaron profundamente.
Nestes anos, Stieglitz organizou diversas mostras de O'Keeffe, introducíndoa nos ambientes da vangarda neoyorkina, nos que se movían moitos modernistas americanos amigos de Stieglitz, como Charles Demuth, Arthur Garfield Dove, Marsden Hartley, John Marin, Paul Strand e Edward Steichen.
As súas creacións dos anos 1910 están caracterizadas por un abstraccionismo lírico, creado con harmoniosas liñas, figuras e cores; estas obras, principalmente series de ilustracións a carbonciño e acuarela, figuran entre as máis innovadoras de toda a arte estadounidense producida no período.
Na década dos anos 1920 abandonou a técnica da acuarela para realizar pinturas ao óleo de grande formato con formas naturalísticas e arquitectónicas inspiradas nos edificios de Nova York en primeiro plano, como vistas a través dunha lente.
Estas obras contribuíron ao seu éxito, tanto que, a mediados dos anos 20, era considerada unha das artistas máis importantes de América.
No 1924 O'Keeffe e Stieglitz casaron. A partir do 1929 pasou en Novo México varios meses do ano, pintando algunha das súas creacións máis famosas nas que sintetiza a abstracción con representación de flores e paisaxes típicas da zona, especialmente outeiros desérticos cheos de rochas, cunchas e ósos de animais. Os contornos son ásperos, con sutís transicións tonais de cores, que varían ata transformar o asunto en potentes imaxes abstractas, ás veces transfiguradas en sentido erótico.
Nos anos 30 e 40, O'Keeffe recibiu numerosos encargos e, á vez, alabanzas de moitas universidades.
En 1946 faleceu o seu marido e en 1949 O'Keeffe trasladouse permanentemente a Novo México.
Durante os anos 50 produciu unha serie de pinturas con formas arquitectónicas inspiradas na súa casa de Novo México e unha vasta serie de pinturas de nubes como vistas desde fiestriñas dun aeroplano.
A partir do comezo dos anos 70, unha doenza da vista obrigoulle a diminuír o ritmo do seu traballo.
Faleceu en 1986, á idade de 98 anos.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Georgia O'Keeffe |