Eumalacostráceos

(Redirección desde «Eumalacostraca»)
Eumalostráceos
Eumalacostraca

Cancer pagurus
Clasificación científica
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
Filo: Arthropoda
Subfilo: Crustacea
Clase: Malacostraca
Subclase: Eumalacostraca
Grobben, 1892
Superordes

A dos eumalacostráceos (Eumalacostraca) é unha subclase de crustáceos da clase dos malacostráceos. Agrupa unhas 42 000 especies,[1][2] o que representa case todos os malacostráceos coñecidos, e case os dous terzos dos crustáceos. Comprende, entre outros, a orde dos decápodos, que inclúe a maioría das especies de marisco máis consumidas polo ser humano e, por tanto, con máis interese biolóxico, pesqueiro e comercial.

Características

editar
 
Anatomía dun malacostráceo

Os eumalacostráceos teñen o corpo dividido en 19 segmentos ou metámeros: 5 cefálicos (cefalonitos), 8 torácicos (toracómeros) e 6 abdominais, na cola ou pleon (pleonitos). Esta estrutura corporal coñécese como facies caridoide, termo cuñado por William Thomas Calman en 1909.[3] Os apéndices torácicos están articulados e os animais utilízanos para nadar ou para camiñar. Crese que o seu antepasdo común tiña unha casca, e a maioría das especies viventes posúena, pero perdeuse nalgúns subgrupos.

Na maioría dos eumalacostráceos os primeiros segmentos do tórax fusiónanse coa cabeza, formando o chamado cefalotórax, de xeito que o tórax parece que teña menos segmentos; por exemplo, nos decápodos, os tres primeiros segmentos torácicos están fusionados coa cabeza e o tórax parece que teña só cinco toracómeros; fálase entón de pereion; o pereion é, pois, o conxunto dos segmentos torácicos non fusionados coa cabeza, e os seus apéndices denomínanse pereiópodos.

Os apéndices dos segmentos fusionados non desaparecen, senón que se transforman en maxilípedos que colaboran no procesado dos alimentos; seguindo co exemplo dos decápodos, con tres toracómeros fusionados e cinco libres (pereion), posúen tres maxilípedos e cinco pereiópodos. Os pereiópodos úsanse para camiñar (grupo Reptantia) ou para copular, e o último segmento do pleon, o telson, axudado polo resto de pleópodos, para nadar (grupo Natantia).

Como a maioría dos crustáceos, os eumalacostráceos realizan a excreción a través de auténticos nefridios situados xunto á boca (glándulas maxilares) ou na base das antenas (glándulas antenais).

Taxonomía

editar

Descrición

editar

Este taxon foi descrito en 1892 polo zoólogo austríaco Karl Grobben, especialista en carcinoloxía.[4]

Etimoloxía

editar

O termo do latín científico Eumalacostraca está formado polo elemento eu-, adaptación do do grego antigo εύ-, derivado do adverbio εὖ, acusativo singular neutro de ἐΰς, "bo", "auténtico", "exacto",[5] unido ao termo Malacostraca. Literalmente: "os verdadeiros malacostráceos". (O termo Malacostraca fora cuñado polo zoólogo francés Pierre André Latreille en 1802, e está formado polos elementos malac-, tirado do grego antigo μαλακός malakós, "brando", -ostraca, derivado do grego ὄστρακον óstrakon, "cuncha", rematado todo o termo na desinancia latina -a, indicando substantivo neutro plural).

Clasificación

editar

A clasificación dos crustáceos sempre foi complicada e moi controvertida. En 2001 Martin e Davis estableceron a seguinte clasificación de supeordes e ordes para os eumalacostráceos.[6]

 
Nototropis swammerdamei (Peracarida).
 
Koonunga cursor (Syncarida).

Subclase Eumalacostraca Grobben, 1892

  1. Brusca, R. C. & Brusca, G. J., 2005. Invertebrados, 2ª edición. Madrid: McGraw-Hill-Interamericana. ISBN 0-87893-097-3.
  2. Gary C. B. Poore (2002). "Introduction". Crustacea: Malacostraca. Zoological catalogue of Australia. 19.2A. CSIRO Publishing. pp. 1–7. ISBN 978-0-643-06901-5. 
  3. Hessler, Robert R. (1983). "A defense of the caridoid facies; wherein the early evolution of the eumalacostraca is discussed". En Schram, Frederick R. Crustacean Phylogeny (PDF). Rotterdam: A. A. Balkema. ISBN 90-6191-231-8. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de maio de 2014. Consultado o 29 de agosto de 2018. 
  4. C. Grobben (1892). "Zur Kenntnis des Stammbaumes und des Systems der Crustaceen". Sitzber. K. Akad. Wiss., Vienna, Math. Nat. Cl. 101: 237–274. 
  5. Liddell & Scott (1940): εὖ en A Greek–English Lexicon, Oxford: Clarendon Press.
  6. J. W. Martin & G. E. Davis (2001). An Updated Classification of the Recent Crustacea (PDF). Natural History Museum of Los Angeles County. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29 de decembro de 2009. Consultado o 27 de novembro de 2016. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Brusca, R. C. & Brusca, G. J. (2005): Invertebrados, 2ª edición. Madrid: McGraw-Hill Interamericana. ISBN 0-87893-097-3.
  • Frings, H. e Frings, M. (1975): Conceptos de Zoología. Madrid: Editorial Alhambra. ISBN 84-205-0505-6.
  • Grassé, P.-P., E. A. Poisson e O. Tuzet (1976): Invertebrados. (En Grassé, P.-P., Zoología, vol. 1) Barcelona: Toray-Masson. ISBN 84-311-0200-4.
  • Hickman, C. P., W. C. Ober e C. W. Garrison (2006): Principios integrales de zoología, 13ª ed. Madrid: McGraw-Hill Interamericana. ISBN 84-481-4528-3.
  • Remane, A., Storch, V. e Welsch (1980): Zoología sistemática. Clasificación del reino animal. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-0608-2.

Outros artigos

editar