Endemismo

distribución dun taxón limitada a un ámbito xeográfico reducido

Endemismo[1] é un termo empregado na bioloxía para indicar que a distribución dun taxón está limitada a un ámbito xeográfico reducido, non se atopando de forma natural en ningunha outra parte do mundo. Por iso, cando se indica que unha especie é endémica de certa rexión, quérese dicir que só é posible atopala de forma natural nese lugar.

A salamántiga rabilonga, endemismo do noroeste da Península Ibérica, ten en Galicia as súas principais poboacións.

Características

editar

O endemismo pode considerarse dentro dun abano moi amplo de escalas xeográficas: deste xeito, un organismo pode ser endémico dun cumio montañoso ou dun lago, dunha cordilleira ou un sistema fluvial, dunha illa, dun país ou ata dun continente. Normalmente o concepto aplícase a especies, pero tamén pode empregarse para outros taxóns como subespecies, variedades, xéneros, familias etc.

Exemplos de endemismos

editar

Un endemismo típico é o lince ibérico, propio da Península Ibérica, e as xirafas, que unicamente habitan nas rexións semidesérticas do sur do Sáhara, ou a Secuoia xigante, que só se atopa na Sierra Nevada californiana.

As illas, dado o seu illamento, son lugares cunha elevada taxa de endemismos. Así, Australia, que non tivo contacto co resto de terras emerxidas dende hai máis de 50 millóns de anos, posúe unha flora e unha fauna de seu moi distinta do resto do mundo. A metade das aves de Papúa Nova Guinea e a metade dos mamíferos que habitan Filipinas son endémicos.

 
O drago, unha árbore endémica de Macaronesia.

Neste senso destaca Madagascar; todos os seus anfibios son endémicos, o 90% dos seus réptiles (a metade das especies de camaleóns do planeta), o 55% dos seus mamíferos (como os lemures e as fosas) e o 50% das súas aves son endemismos, e aproximadamente o 80% as súas plantas non habitan en ningunha outra rexión o mundo. O 95% das especies de peixes dos Grandes Lagos africanos son endémicas.[2]

As illas volcánicas, que nunca estiveron en contacto co continente son especialmente ricas en especies endémicas; as especies que as habitan son descendentes das que chegaron accidentalmente en tempos pasados e puideron adaptarse. Son excelentes exemplos as Illas Hawai ou as Illas Galápagos (que inspiraron a Darwin a súa famosa teoría da evolución e, en España, as Illas Canarias, con 500 especies de plantas endémicas e en concreto a illa de Tenerife, que presenta a maior relación de endemismos florísticos da rexión macaronésica, só superada por Madagascar e Australia.[2]

  1. "Entrada endemismo en Digalego". Arquivado dende o orixinal o 15 de novembro de 2017. Consultado o 15 de novembro de 2017. 
  2. 2,0 2,1 Plafóns informativos do Zoo de Barcelona.