Elena Fortún

escritora española

María de la Encarnación Gertrudis Jacoba Aragoneses y de Urquijo, coñecida polo seu pseudónimo literario Elena Fortún, nada en Madrid o 18 de novembro de 1886 e finada na mesma cidade o 8 de maio de 1952, foi unha escritora española dedicada á literatura infantil e xuvenil.

Modelo:BiografíaElena Fortún

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(es) María de la Encarnación Gertrudis Jacoba Aragoneses Editar o valor en Wikidata
18 de novembro de 1886 Editar o valor en Wikidata
Madrid, España Editar o valor en Wikidata
Morte8 de maio de 1952 Editar o valor en Wikidata (65 anos)
Madrid, España Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturacemiterio de San Justo de Madrid Editar o valor en Wikidata
Ideoloxía políticaSpanish republicanism (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
RelixiónCatolicismo Editar o valor en Wikidata
EducaciónResidencia de Señoritas Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónescritora, novelista, escritora de contos Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1929 Editar o valor en Wikidata - 1952 Editar o valor en Wikidata
EmpregadorBlanco y Negro
La Prensa Editar o valor en Wikidata
Membro de
Xénero artísticoLiteratura infantil Editar o valor en Wikidata
MovementoFeminismo e Republicanismo Editar o valor en Wikidata
Pseudónimo literarioElena Fortún Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
LealdadeSegunda República Española Editar o valor en Wikidata
Participou en
19 de outubro de 1939Spanish Republican's exile journey on the SS Massilia (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Familia
CónxuxeEusebio de Gorbea Lemmi (1906–1948), morte Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteObálky knih, Editar o valor en Wikidata
BNE: XX906761 Dialnet: 1687078

Traxectoria

editar

Infancia e mocidade

editar

María de la Encarnación Gertrudis Jacoba Aragoneses y de Urquijo naceu o 17 de novembro de 1886 en Madrid. Era a filla única de Leocadio Aragoneses y Esteban, alabardeiro da Garda Real nado en Abades, e de Manuela de Urquijo y Ribacova, da nobreza vasca, nada en Áraba e casada con Leocadio en segundas nupcias. Foi criada por unha ama pois a súa nai non gozou de boa saúde como lle pasou a ela. Pasaba os veráns na vila segoviana de Abades, na casa do seu avó paterno, Isidro Aragoneses, falecido en 1892. Para protexela pola súa mala saúde e por conciencia de clase, a súa nai non lle permitía xogar con outros nenos. Iso fixo que formase unha personalidade solitaria, soñadora e hipersensíbel. En 1904 faleceu o seu pai e a economía familiar resentiuse.[1]

Matrimonio e maternidade

editar
 
Eusebio de Gorbea y Lemmi, marido de Elena Fortún (1909)

Casou aos dezaoito anos de idade, en 1908, cun primo segundo, Eusebio de Gorbea y Lemmi, militar e tamén escritor, con quen tivo dous fillos; Luís (1908) e Manuel (1909). O seu marido foi destinado con frecuencia fóra de Madrid, e ela non sempre o acompañou. En 1919 instaláronse na rúa Ponzano e como veciño tiveron a Santiago Regidor, catedrático de debuxo e colaborador en Blanco y Negro. Grazas aos faladoiros na súa casa, Fortún coñeceu a figuras relevantes da intelectualidade da época. Entre outras coñeceu a María Rodrigo, María Martos e María Lejárraga. En 1920, faleceu prematuramente o seu fillo pequeno, alcumado Bolín, que contaba con dez anos. En 1922 o seu marido foi destinado a Tenerife e a familia acompañouno durante os dous anos de estancia. Alí estabeleceu unha grande amizade que perdurou até a súa morte con Mercedes Hernández, esposa de Eduardo Díez del Corral, compañeiro do seu marido. Esta familia inspirou os personaxes de Fortún. Alí publicou os seus primeiros artigos no xornal La Prensa.[1]

A escritora Elena Fortún

editar

Volveu a Madrid en 1924. Foi nomeada secretaria da asociación Mujeres Amigas de los Ciegos e estudou braille para realizar mellor o seu traballo. Entrou a formar parte da Sociedade Teosófica de Madrid.[1] Na Residencia de Señoritas, dirixida por María de Maeztu, estudou bibliotecoloxía na biblioteca que esta tiña pola fusión da súa propia biblioteca coa do Instituto Internacional de Madrid. A directora era Enriqueta Martín que organizou os estudos que despois cursou Fortún. Destas clases xurdiu a Asociación Libros, que publicou unha revista co mesmo nome na que colaborou Fortún xunto a Carmen Conde, Ernestina de Champourcín e Enriqueta Martín entre outras. As ilustracións estaban a cargo de Viera Sparza.[2] Fíxose socia do Lyceum Club Femenino, lugar de encontro das intelectuais en Madrid, onde foi ler todas as tardes durante once anos.[3] Nos seus artigos publicados na prensa, propuxo temas nos que profundaba na nova condición feminina, por exemplo, defendeu a ilegalización da prostitución rebatendo a idea de que era un mal necesario xa que só beneficiaba os homes.[4]

Os primeiros traballos asinados por Elena Fortún aparecen como colaboracións xornalísticas na revista La Moda Práctica.[1] María Lejárraga animouna a publicar os seus relatos en lugar de vender aspiradoras Electrolux xa que aspiraba a se independizar economicamente do seu esposo.[5] Así presentoulle a Torcuato Luca de Tena, director de ABC, onde comezou a publicar en Gente Menuda, suplemento infantil do dominical Blanco y Negro, xunto a outros autores como Magda Donato e Salvador Bartolozzi.[6] O pseudónimo de Elena Fortún tirouno do título da novela do seu marido, Los mil anos de Elena Fortún, publicada en 1922. A primeira colaboración foi o 24 de xuño de 1928, Celia lo que dice.[1]

Cada domingo aparecían as súas colaboracións, ademais escribiu contos e colaborou en Cosmópolis, Crónica, Estampa, Semana e outras revistas infantís.[1] En moi pouco tempo estes relatos fana célebre, á vez que o seu marido queda nun segundo plano.

Entón empezou a me odiar Eusebio, que sempre se dera moita importancia comigo

Compraron unha casa en Chamartín de la Rosa que será a que apareza en Celia en la revolución.[7]

A Editorial Aguilar adquiriu os dereitos de publicación e foi publicando os diferentes títulos baixo o nome de Celia y su mundo. Para a feira do libro de 1935, entregou catro libros, Celia y sus amigos, con ilustracións de Gori Muñoz; Cuchifritín, el hermano de Celia, o primeiro de Cuchifritín, que estaba dedicado a Félix, o neno que o inspirou, fillo da súa amiga Mercedes Hernández; El bazar de todas las cosas e un de comedias infantís, Teatro para niños. Seguiu publicando sobre Cuchifritín e Matonkiki até 1936. En 1934 publicou tamén xunto a María Rodrigo Canciones infantiles. Ademais dirixía un consultorio: La Quiromancia al alcance de todos, en Crónica en 1935.[1]

É nesta época cando coñece a Matilde Ras, introdutora da grafoloxía en España, coa que se carteará até a súa morte. Ambas as dúas formaron parte da primeira xeración de feministas españolas con conciencia de grupo e comprometidas cos dereitos das mulleres.[8] Tiveron unha relación intensa que se cualificou de lésbica xa que ambas as dúas pertenceron ao Círculo Sáfico creado pola escenógrafa Victorina Durán en Madrid neses anos.[9]

Guerra Civil, exilio, retorno e morte

editar

Ao comezar a guerra, o seu marido, xa retirado, pediu a volta ao servizo activo e concedéronlle a dirección da Escola de Automobilismo de Aviación de Barcelona.[1] Ela quedou en Madrid continuando as súas colaboracións en Crónica. Nos seus artigos escribiu sobre os efectos da guerra no día a día da retagarda, nos nenos e as mascotas.[10]

A editorial Aguilar seguiu publicando os libros de Celia. Estando en 1939 en Madrid ultimando a publicación do seu libro Celia madrecita, as tropas de Franco conseguiron romper a resistencia da capital. Fortún non se reuniu co seu esposo até uns meses despois xa no exilio posto que ambos estiveran fortemente comprometidos co bando republicano e tiveron que se exiliar tras a Guerra civil. Tras múltiples peripecias instaláronse en Buenos Aires.[1] Na Arxentina puido empezar unha nova vida grazas á axuda prestada por Victorina Durán, que traballaba como escenógrafa de Margarida Xirgu. Xirgu foi quen lles proporcionou o contacto co director do diario Crítica, onde Fortún escribiu artigos sobre a pegada de España en América. Tamén escribiu en El Sol sobre grandes personalidades do mundo, sobre todo mulleres, e en La Prensa colaborou con contos.[11] De 1943 data o seu libro Celia en la revolución que non verá a luz até 1987.[12]

Eu figurábame as revolucións con multitudes ouveando polas rúas. Aquí hai silencio, po, sucidade, calor e homes que ocupan o tranvía con fusís no ombro.

En 1944 publicou Celia, institutriz en América, que conta as dificultades da adaptación á vida no exilio xa que Celia acompañará o seu pai, militar republicano na súa fuxida. Este libro foi prohibido pola censura franquista. En Buenos Aires coñeceu a Inés Field, muller de profunda relixiosidade que influiría profundamente nela. Desa época é o Cuaderno de Celia, no cal trata da Primeira Comuñón da protagonista. En 1948 decidiu regresar a España e instalarse en Madrid. Mentres estaba a xestionar a volta dela e do seu marido e regularizando a situación de Gorbea co réxime, este suicidouse en Buenos Aires o 16 de decembro de 1948.[1]

Volveu a Arxentina para solucionar a testamentaría e mentres tanto saíron publicados La hermana de Celia (Mila y Piolín); Mila, Piolín y el burro e Celia se casa (cuenta Mila). Marchou a vivir a Nova York co seu fillo mais a convivencia non foi boa e decidiu volver a España instalándose en Barcelona xa que lle Madrid traía moitas lembranzas.[1] Alí coñeceu a Carmen Laforet cando esta deu unha conferencia no Ateneo na que falaba de forma amena e divertida de como se ocupaba da literatura cando os nenos durmían e a noite estaba moi entrada. Era neses momentos cando lendo títulos de libros empezaba a imaxinar os seus títulos. Isto conmoveu a Fortún que nos seus primeiros anos de exilio traballara na Biblioteca de Buenos Aires grazas á intervención de Jorge Luis Borges, ao que coñecía a través da súa irmá Norah Borges, amiga súa dos tempos do Lyceum. Comezaron unha relación epistolar que durou até a morte de Fortún.[13] Tamén se relacionou epistolarmente con Carmen Conde e Esther Tusquets[14]. Seguiu escribindo e en 1950 publicou Los cuentos que Celia cuenta a las niñas e Los cuentos que Celia cuenta a los niños. O seu último libro publicado nese ano, Patita y Mila, estudiantes foi un rotundo éxito.[1] Xa non é un libro de literatura infantil senón xuvenil. Non puido continuar a saga porque o seu editor Manuel Aguilar quixo que escribise un libro sobre Celia y Miguelín que deixou en borrador e sería o primeiro libro dunha serie sobre a crianza. Mais gravemente enferma de cancro de pulmón volveu a Madrid onde faleceu ao sesenta e cinco anos de idade o 8 de maio de 1952.[13]

 
Placa situada na casa dos pais de Encarnación Aragoneses Urquijo, na rúa de Huertas, en Madrid.

Traxectoria literaria

editar

Comezou a escribir para a infancia en 1928, na revista Blanco y Negro, na sección de Gente menuda, co pseudónimo de Elena Fortún. O 24 de xuño de 1928 viron a luz as historias da nena madrileña Celia Gálvez de Montalbán, que cuestionaba o mundo dos adultos. Estas historias callaron entre o público infantil de tal maneira que a editorial Aguilar se interesou por elas. Así foron vendo a luz títulos tan coñecidos como Celia, lo que dice, Celia en el colegio, Celia y sus amigos, Celia novelista ou Celia madrecita. Celia en la revolución permaneceu inédito até 1987 publicado tamén pola editorial Aguilar, sendo o borrador de 1943. Traballou tamén nas revistas Blanco y Negro, Cosmópolis, Crónica e Semana, e nas infantís Macaco, El Perro, el Ratón y el Gato e outras de España e América.[1]

Ademais de Celia, o seu personaxe máis popular, creou outros personaxes como Cuchifritín e Matonkiki, tamén protagonistas de ciclos novelísticos, e outros como Mila, Roenueces, o Mago Pirulo, o Profesor Bismuto, Lita e Lito e La Madrina. Elena Fortún comprendía como ninguén até o momento a psicoloxía infantil e acadou a simpatía da infancia, que se podían identificar facilmente cos seus personaxes rebeldes e recoñecíbeis na rúa.

As súas narracións extensas relegaron ao esquecemento a súa narrativa curta, moi abundante e de gran calidade. A maior parte destas historias publicáronse nas páxinas das revistas xa mencionadas (Gente Menuda, Crónica...) e moitas delas foron recollidas despois en dous volumes titulados Los cuentos que Celia cuenta a las niñas (1951) e Los cuentos que Celia cuenta a los niños (1952). Son moi interesantes os seus artigos xornalísticos e o material inédito que conservaba a súa nora e que saíu en parte á luz en 2015 e que forman un volume xunto a escritos de Matilde Ras e as cartas que se cruzaron.[10]

A saga de Celia, Bildungsroman ou novela de aprendizaxe

editar

O propósito da novela de aprendizaxe, ou Bildungsroman, é elaborar o retrato dunha sociedade ou época histórica a través dos ollos da voz que narra. Así vemos o mundo de Celia, unha nena dotada dunha grande imaxinación, e como vai crecendo e desenvolvéndose a súa personalidade. A infancia de Celia abarca os primeiros cinco libros. O seu grande acerto foi dar voz ás e aos nenos, influenciada polas directrices pedagóxicas do Instituto Escuela e a Institución Libre de Enseñanza. A educación era esencial para lograr a rexeneración social e a modernidade. A nai de Celia é, en parte, Elena Fortún, xa que, como esta, era asidua do Lyceum Club e levaba unha vida independente. É unha muller educada que le e que ten problemas no seu rol maternal. Morre ao dar a luz a Mila.[15]

A voz de Celia narra o fracaso da súa persoa ao non se converter na escritora adulta que o seu eu infantil profetizaba. As súas novelas móstrannos a involución que supuxo o réxime franquista para as mulleres. Seguimos o desenvolvemento literario do personaxe con Celia madrecita e Celia institutriz en América. O baleiro argumental que había entre estes dous volumes encheuse en 1987 co descubrimento e publicación de Celia en la revolución, unha fiel e intensa crónica do sitio de Madrid. Nestes tres libros Celia é testemuña-narradora. Non poderá ir á universidade e cumprirá o rol de nai coas súas irmás. É Mila quen será unha Celia renovada e modernizada.[15]

A nena rebelde integrouse na familia patriarcal, aínda que sen abandonar por completo as súas aspiracións a chegar a ser escritora, aínda que de maneira subxugada e caseira. A súa independencia queda reprimida desde que asume o seu papel de nai coas súas irmás. Emilia Pardo Bazán xa vira que a concepción tradicional da familia era un lastre cultural para a formación igualitaria dos seres humanos.[16] Este papel de elemento inhibidor que ten para a muller asumir o papel de nai queda claro na obra de Elena Fortún quen pon claramente de manifesto nas súas narracións como esta condición maternal cambia radicalmente a vida de Celia e é o punto de partida dunha serie de sacrificios que conducen á súa pasividade e ao fin da súa existencia como ser independente. Celia esquécese das súas ambicións: estudar Bacharelato, Filosofía e Letras e talvez Dereito e ser bibliotecaria ou avogada.[17]

Celia, clave na literatura infantil do século XX

editar

Os contos tradicionais para nenos e nenas caracterízanse por unha ideoloxía conservadora, tanto en relación cos roles sexuais como cos valores sociais e políticos que transmiten. Con todo, Celia responde ao ar de ruptura e modernidade da República española, aínda que desenvolva tamén a involución do réxime franquista. Mais a nena Celia rebélase ante unha educación que unicamente quere que sexa un receptáculo de información sen unha capacidade crítica. Claramente cóntao Fortún en Celia en el colegio, onde denuncia como a relixión é usada pola Igrexa católica para impor a submisión e a pasividade á muller. Celia quererá ser santa, ao modo das haxiografías que tanto se usaban na época como lecturas infantís. Creará situacións hilarantes até o punto de que lle prohiban ese desexo. Ademais da rebeldía ante o modelo tradicional de muller, Celia comparte a preocupación social. No primeiro libro, Baltasar indícalle que só deixa agasallos aos nenos ricos para que estes repartan cos pobres. E iso non é caridade, é xustiza.[18]

Parte da comicidade dos libros de Fortún é polo seu achegamento á linguaxe infantil. As transgresións que fai da norma abranguen varios aspectos: o fonético: coa creación de homónimos, cando un significante estraño para a mente infantil se asocia a outro co que si está familiarizado, burra por hurra e o ceceo de Matonkiki; o morfosintáctico coa conxugación e a gradación do adxectivo e, sobre todo, o semántico, mediante as interpretacións erróneas. Xoga tamén coas modificacións de frases feitas e as lexicalizacións. Ademais Fortún ofrece outras variedades lingüísticas como o castelán popular de Segovia ou a fala do pobo xitano.[19]

As súas obras tras a Guerra Civil

editar

O exilio foi unha dura decisión que tomou polo seu sentido de responsabilidade cara ao seu esposo, a pesar das presións das súas amizades e do seu editor Manuel Aguilar que lle pedían que quedase en España. Reproduciu ese conflito en Celia en la revolución, no que a protagonista quedou soa e segue o seu pai tras a guerra. Cando volveu do exilio atopou no xornalismo o lugar apropiado para seguir publicando. Así o dirá nunha entrevista concedida a Josefina Carabias, que fora colega súa na revista Crónica antes de 1939. Presentou a dous novos personaxes, Mila, a irmá de Celia, e ao seu can Piolín, que cobrarán o protagonismo dos seus novos relatos.

Comezou a publicar en Semana, revista fundada en 1942, con ilustracións de Viera Sparza. Mila percorrerá España buscando a Piolín e isto serviralle a Fortún para describirnos lugares e xentes extravagantes e mesmo marxinais. Tivo problemas coa censura que en 1945 ordenou retirar todos os exemplares de Celia institutriz e vetou a publicación e circulación das súas obras. Por iso, foille tan útil a publicación en prensa, que foi un éxito desde os seus comezos. Celia se casa foi publicada na revista Fotos, tamén con ilustracións de Viera Sparza.

Seguirá publicando as aventuras de Mila e Piolín, que serán recollidas en volumes pola editorial Aguilar uns anos despois.[20] En Celia institutriz, Fortún describirá o seu personaxe: o seu peiteado era con trenzas rodeando a cabeza con pinzas, á maneira tirolesa, igual que en Celia madrecita e Celia en la revolución. Destaca a súa sobriedade andróxina, que aínda que se poña de longo ou goce dunha blusa de organdí, prefire unha cómoda saia ao uso das mulleres traballadoras, zapatos cómodos e sobrios traxes chaqueta. Segundo outros personaxes, seria para a súa idade.[21] Coa voda de Celia culmina o progresivo silencio ao que se ve abocada a súa voz, que empezou con Celia madrecita. Cumpría Fortún o encargo do seu editor e para iso usou parte do material inédito Patita en la Arxentina e esqueceu o iniciado Celia bibliotecaria que suporía un final distinto ao personaxe. Este libro é o fin da muller emancipada. "Celia casa e cala".[22]

A última obra inédita, publicada en 2016, é Oculto sendero en edición de Nuria Capdevila-Argüelles e María Jesús Fraga. Nela, de carácter autobiográfico, María Luisa Arroyo, a protagonista, recrea a procura da comprensión do seu sentirse diferente desde nena.[23] Esta novela estaba entre os papeis que lle deu a nora de Fortún a Marisol Dorao. É unha das dúas novelas escritas a máquina con tinta morada e encadernadas. Entre eses papeis estaba tamén en borrador e a lapis Celia en la revolución. Dous son os temas desta novela que Fortún pediu a Inés Field que destruíse. Un é a exploración das relacións entre homosexualidade e heterosexualidade, abordando o seu propio lesbianismo, unha das partes da súa identidade que vivía como máis problemáticas;[24] o outro, a situación da muller creadora nas primeiras décadas do XX e a súa relación de autoría e emancipación. O libro está dividido en tres partes: Primavera, onde se narra a infancia da protagonista; Verán, que abrangue a mocidade, noivado, matrimonio, maternidade e a morte da nai coa que comeza o Outono, época de madurez e experiencia. Fortún asinou este libro co pseudónimo de Rosa María Castaño. Moitas mulleres están presentes neste libro que irán axudando a protagonista a coñecerse a si mesma. Clave neste coñecemento é o diagnóstico médico ao que acode por "o desequilibrio da súa natureza". Ela non estará de acordo co que lle recomenda o médico: deixar de vestir eses traxes masculinos, pintar menos e dedicarse máis aos labores tradicionais do seu xénero.[25]

Serie de Celia

editar
  1. Celia, lo que dice (1929), colección de historias curtas publicadas na revista Blanco y Negro.
  2. Celia en el colegio (1932), colección de historias curtas publicadas na revista Blanco y Negro.
  3. Celia novelista (1934), colección de historias curtas publicadas na revista Blanco y Negro.
  4. Celia en el mundo (1934), colección de historias curtas publicadas na revista Blanco y Negro.
  5. Celia y sus amigos (1935)
  6. Cuchifritín, el hermano de Celia (1935), irmán de Celia
  7. Cuchifritín y sus primos (1935), irmán de Celia
  8. Cuchifritín en casa de su abuelo (1936), irmán de Celia
  9. Cuchifritín y Paquito (1936), irmán de Celia
  10. Las travesuras de Matonkikí (1936), prima de Celia
  11. Matonkikí y sus hermanas (1936), prima de Celia
  12. Celia madrecita (1939)
  13. Celia institutriz en América (1944)
  14. El cuaderno de Celia (1947)
  15. La hermana de Celia (Mila y Piolín) (1949)
  16. Mila, Piolín y el burro (1949)
  17. Celia se casa (cuenta Mila) (1950)
  18. Patita y Mila, estudiantes (1951)
  19. Los cuentos que Celia cuenta a las niñas (1951), volume recompilatorio de escritos breves publicados en revistas como Gente Menuda e Crónica.
  20. Los cuentos que Celia cuenta a los niños (1952), volume recompilatorio de escritos breves publicados en revistas como Gente Menuda e Crónica.
  21. Celia en la revolución (1987), borrador, editado 35 anos despois da súa morte.

Outras obras

editar
  • Canciones infantiles (1934), volume recompilatorio de contos.
  • El bazar de todas las cosas (1935), libro de manualidades onde ensinaba a facer casas de bonecas, flores, xoguetes, disfraces e marionetas.
  • Teatro para niños (1942), doce comedias.
  • El arte de contar cuentos a los niños (1947)
  • El mago Corifitos y otros cuentos de Celia
  • Pues señor... Cómo debe contarse el cuento y cuentos para ser contados
  • El camino es nuestro (Fundación Banco Santander, 2015)
  • Oculto sendero (Renacimiento, 2016)

Coautora

editar
  • Elena Fortún e Matilde Ras El camino es nuestro Fundación Banco Santander 2015. Edición de María Jesús Fraga e Nuria Capdevila-Argüelles. ISBN 978-84-92543-64-9

Epistolario

editar
  • Carmen Laforet e Elena Fortún De corazón y alma Fundación Banco Santander 2017 Edición de Cristina Cerezales Laforet, Silvia Cerezales Laforet e Nuria Capdevila-Argüelles. ISBN 978-84-16950-44-7

Adaptación televisiva

editar

A serie de televisión Celia foi unha serie infantil española estreada en Televisión Española, baseada nos libros de Elena Fortún Celia, lo que dice (1929) e Celia en el colegio (1932). Foi dirixida por José Luís Borau cos guións de Carmen Martín Gaite e supuxo o primeiro traballo da actriz Cristina Cruz Mínguez no papel de Celia, unha nena rebelde de sete anos de idade, pertencente á alta burguesía madrileña.[26]

Recoñecementos

editar

No Parque do Oeste de Madrid foi erixida en 1957 unha estatua á súa memoria polo escultor murciano José Planes. A responsable directa das homenaxes póstumas e da devandita estatua foi a súa amiga María Martos.[13] Levan o seu nome en Madrid unha biblioteca pública (no barrio do Retiro) e unha rúa; en Segovia un Colexio de Educación Infantil e Primaria.

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 Molero, María del Mar Antón Cabello & José Antonio. "Personajes en su Historia «Elena Fortún» por María del Mar Antón Cabello & José Antonio Molero". www.gibralfaro.uma.es. Consultado o 28 de xaneiro de 2017. 
  2. Mujeres en Vanguardia (en castelán). Madrid: Residencia de Estudiantes. p. 50. ISBN 978-84-939988-6-8. 
  3. Capdevila-Argüelles, Nuria (2009). Autoras inciertas, voces olvidadas de nuestro feminismo (en castelán). Madrid: Horas y horas. p. 97-139. ISBN 978-84-96004-18-4. 
  4. Balló, Tània (2018). Las sinsombrero 2 : ocultas e impecables (en castelán) (Primera edición ed.). Barcelona: Editorial Espasa. ISBN 978-84-670-5268-8. OCLC 1059528960. 
  5. "Elena Fortún, lo que dice". Jot Down Cultural Magazine (en castelán). 8 de marzo de 2017. Consultado o 29 de xuño de 2018. 
  6. Guerra de la Vega, Ramón (2013). Mujeres de la II República (en castelán). Ediciones Guerra de la Vega. p. 86. ISBN 978-84-88271-34-1. 
  7. Fortún, Elena (2016). Andrés Trapiello, ed. Celia en la revolución (en castelán). Sevilla: Renacimiento. ISBN 978-84-16685-07-3. 
  8. "Elena Fortún y Matilde Ras, amor y feminismo". www.elcultural.com. Consultado o 3 de xullo de 2018. 
  9. "Prólogo de 'El camino es nuestro'. Elena Fortún y Matilde Ras". es.slideshare.net (en castelán). Consultado o 26 de xuño de 2018. 
  10. 10,0 10,1 Fortún, Elena; Ras, Matilde. Nuria Capdevila_Argüelles, ed. El camino es nuestro (en castelán). Madrid: Fundación Banco Santander. p. 91-108. ISBN 978-84-92543-64-9. 
  11. Marina, José Antonio; Rodríguez de Castro, María Teresa (2009). La conspiración de las lectoras (en castelán). Barcelona: Anagrama. p. 196-200. ISBN 978-84-339-0792-9. 
  12. "Celia cuenta la verdad de la guerra". EL PAÍS (en castelán). 11 de abril de 2016. Consultado o 28 de xaneiro de 2017. 
  13. 13,0 13,1 13,2 Laforet, Carmen; Fortún, Elena (2017). Cristina Cerezales Laforet, Silvia Cerezales Laforet y Nuria Capdevila-Argüelles, ed. De corazón y alma (en castelán). Fundación Banco Santander. p. 21. ISBN 978-84-16950-44-7. 
  14. "FEMINIDADES (FORTÚN-LAFORET) - Páxina persoal de Luis Antonio de Villena". luisantoniodevillena.es. Consultado o 29 de xuño de 2018. 
  15. 15,0 15,1 Capdevila, Nuria (2005). "Elena Fortún (1885-1952) y "Celia": El "bildungsroman" truncado de una escritora moderna". Lectora: revista de dones i textualitat (en castelán) (11). ISSN 1136-5781. Consultado o 25 de xuño de 2018. 
  16. "El ángel del hogar y la feminidad en la narrativa de Pardo Bazán". Consultado o 3 de xullo de 2018. 
  17. "De niñas a mujeres: Elena Fortún como semilla de feminismo en la literatura infantil de la postguerra española - [Download PDF]". dokumen.tips (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 25 de xuño de 2018. Consultado o 25 de xuño de 2018. 
  18. "Pagina nueva 3". www.anmal.uma.es. Arquivado dende o orixinal o 28 de maio de 2020. Consultado o 25 de xuño de 2018. 
  19. González, Miguel Ángel de la Fuente (1987). "Norma lingüística y comicidad en Elena Fortún". Tabanque: Revista pedagógica (en castelán) (3). ISSN 0214-7742. Consultado o 29 de xuño de 2018. 
  20. Fernández-Cuevas, María Jesús Fraga (2013). "Entre España y América: Últimas publicaciones de Elena Fortún en la prensa española (1948-1951)" (en castelán). Consultado o 26 de xuño de 2018. 
  21. Fortún, Elena (2015). Nuria Capdevila-Argüelles, ed. Celia institutriz en América. Sevilla: Renacimiento. ISBN 978-84-16246-39-7. 
  22. Fortún, Elena (2018). Nuria Capdevila-Argüelles, ed. Celia se casa. Sevilla: Renacimiento. ISBN 978-84-17266-55-4. 
  23. "Elena Fortún contra el heteropatriarcado". El Huffington Post (en castelán). 16 de abril de 2017. Consultado o 16 de outubro de 2017. 
  24. Nuria Capdevila-Argüelles y María Jesús Fraga, ed (2016). "Introducción. Contexto para un libro escondido". En Elena Fortún. Oculto Sendero. Renacimiento. p. 8. ISBN 978-84-16685-77-6. 
  25. Fortún, Elena (2016). Nuria Capdevila-Argüelles y María Jesús Fraga, ed. Oculto sendero. Sevilla: Renacimiento. ISBN 978-84-16685-77-6. 
  26. Martínez Torres, Augusto (3 de xaneiro de 1993). "Entrevista: José Luis Borau: "A los niños hay que darles lo mejor" : TVE emite 'Celia', una serie de calidad basada en la obra de Elena Fortún". El País. Consultado o 2 de febreiro de 2017. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Dorao, Marisol. Los mil sueños de Elena Fortún: Celia. Cádiz: Universidade de Cádiz: Servizo de Publicacións, 2000.
  • Capdevila-Argüelles, Nuria. Autoras inciertas : voces olvidadas de nuestro feminismo. Madrid : Horas y HORAS,2009.
  • Fraga Fernández-Cuevas, María Jesús. Elena Fortún, periodista. Madrid: Pliegos, 2013.
  • García Cañete, Marta. "Voces de la feminidad. Estudios de Literatura: Enseñar deleitando. Un análisis de las primeras publicaciones de Elena Fortún en Gente menuda (xuño-decembro 1928)". En Calvo Revilla, A. (ed.) Voces de la feminidad : estudios de literatura, lingüística y retórica (vol. II) Madrid: CEU, 2007.
  • Lledó Cunill, Eulàlia e Otero Vidal, Mercè. Doce escritoras y una guía bibliográfica. Barcelona : Universitat Autònoma, Institut de Ciències de l'Educació, 1994.
  • Martín Gaite, Carmen. "Pesquisa tardía sobre Elena Fortún". En: Fortún, Elena. Celia lo que dice. Madrid: Alianza, 2000.
  • Martín Gaite, Carmen. "Arrojo y descalabros en la lógica infantil". En: Pido la palabra. Barcelona: Anagrama, 2002.
  • Carmen Bravo Villasante Historia de la literatura infantil española Editorial Escuela española Madrid, 1985 ISBN 84-331-0306-7.
  • Núñez de la Fuente, Sara. "Sobre la tradición picaresca en Mila y Piolín de Elena Fortún". En Cardoso, Rosane Maria. A literatura infantil e juvenil em língua espanhola: história, teoria, ensino. Campinas (Brasil): Pontes Editores, 2018 ISBN 978-85-2170-064-7.
Multimedia externa
Gravacións de son
  Celia en la revolución: Ficción sonora en Onda Cero 1:48:24.
  ¿Quién fue Elena Fortún? Documentos RNE 30/07/2016 0:55:49.
  Elena Fortún y su tiempo Conferencia de Carmen Martín Gaite, 1992.
  La interpretación poética de la realidad. Conferencia de C. Martín Gaite, 1992.
  Elena Fortún y sus amigas Conferencia de C. Martín Gaite, 1992.
  Arrojo y descalabros de la lógica infantil Conferencia de C. Martín Gaite, 1992.
Vídeos
  [https://www.youtube.com/watch?v=kWVQDgfViI4 Celia 1x01 - Soy Celia / RTVE Series
  Celia. Serie de Televisión Española (Fragmento do capítulo 2º Doña Benita)

Ligazóns externas

editar