Crucifixión

método de execución no que o condenado é atado ou cravado nunha cruz de pau

A crucifixión é un método de execución, onde o condenado é atado ou cravado nunha cruz de madeira ou entre dúas árbores ou incluso nunha parede, deixándoo alí até a súa morte. Este xeito de execución foi moi empregado na Antiga Roma e en culturas veciñas do Mediterráneo. Tamén métodos semellantes foran inventados no Imperio Persa.

«O martirio de san Filipe», de José Ribera, Museo do Prado.

A crucifixión foi utilizada polos romanos até o ano 337, após a legalización do cristianismo no Imperio Romano no ano 313 grazas ao emperador Constantino I o Grande, pero antes da que se convertera na relixión oficial do imperio.

Moi raramente se empregaba por razóns simbólicas ou rituais fóra da cristiandade, e utilizouse en moitas ocasións para expor á vítima a unha morte particularmente lenta, horríbel (para disuadiren á xente de cometer crimes semellantes) e pública, utilizando todos os medios necesarios para a súa realización. Os métodos de crucifixión variaban considerabelmente segundo o lugar e o tempo no cal se efectuaban.

A maior crucifixión de que se ten noticia ocorreu no 71 a.C., no tempo de Pompeu, en Roma. Unha vez dominada a revolta de 200 mil escravos baixo o comando de Espártaco (a Terceira Guerra Servil ou guerra de Espártaco), as lexións romanas, como escarmento, nun só día crucificaron cerca de 6000 dos revolucionarios vencidos[Cómpre referencia].