Briozoos
Rango fósil: cámbrico superior - actualidade [1]

Bryozoa
Debuxos de Ernst Haeckel en Kunstformen der Natur, 1904
Clasificación científica
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
Superfilo: Lophotrochozoa [2]
Filo: Bryozoa
Ehrenberg, 1831 [3]
Clases
Sinonimia
  • Ectoprocta (Nitsche, 1869)
    (Antigamente subfilo de Bryzoa)[4]

Os briozoos (Bryozoa, do grego βρύον brýon, "musgo", e ζωον zōon, "animal"), o que xustifica o nome que lle dan algúns[quen?] de animais musgo,[Cómpre referencia] tamén chamados polizoos (Polyzoa) e ectoproctos (Ectoprocta, do grego εκτός ektós, "fóra", "afora", e πρωκτόσ prōktós, "ano").[5] son un filo de pequenos animalis coloniais, que presentan un lofóforo, coroa de tentáculos ciliados que serven para captar alimento, nos que o ano se abre fóra de diita coroa tentacular.

Describíronse unhas 5.700 especies [6] maioritariamente mariñas; só unhas 50 viven en auga doce.

Durante anos clasificáronse xunto aos entoproctos, nos que o ano se abre dentro da coroa tentacular, pero hoxe dubídase de que ambos os grupos estean realmente relacionados.[5]

Son animais triblásticos, deuteróstomos e esquizocelomados, con tentáculos lofoforais retráctiles nunha vaíña tentacular. Carecen de nefridios e de aparato circulatorio.

Estes animais posúen algúns caracteres que os achegan aos protóstomos, porén outras características como a orixe do mesoderma ou a natureza do celoma aproxímanos máis aos deuteróstomos.

Características

editar

O Phylum Briozoa está composto por unhas 4.500 especies vivas e máis de 4.000 especies fósiles atopadas.

As súas principais características son:

  1. Caracterízanse por teren un lofóforo empregado na captura de alimento e na respiración.
  2. A cavidade celómica presenta un celoma dividido en tres partes, estando esta separada por un septo nun mesocele e un metacele.
  3. O tubo dixestivo ten forma de U, cunha boca e ano próximos ao lofóforo.
  4. Son coloniais, formando masas incrustantes xelatinosas ou duras ou ben arborescentes.
  5. Epístoma e protocele ausentes na maioría das especies.
  6. Cutícula externa, denominada zoecio, xeralmente de carbonato de calcio ou quitina.
  7. Carecen de nefridios e de aparato circulatorio.
  8. Habitualmente son case exclusivamente coloniais, tendo unha elevada capacidade de reprodución asexual .
  9. A maioría son exclusivamente mariños, e só algunhas especies son de augas doces.

Anatomía

editar

A suma dos individuos completos constitúen unha colonia. Un zooide ou zoecio está formado por dous tipos de individuos: unha teca protectora que recibe o nome de cistidio e o encargado da alimentación ou polípido. Trátase, por tanto, de dúas partes dun mesmo animal. O conxunto dos zooides que forman a colonia leva o nome de zoario.

  • Os briozoos carecen de aparato respiratorio e a intercambio respiratorio acontece na superficie do corpo grazas á acción do lofóforo.
  • O sistema nervioso inclúe un anel nervioso arredor da farinxe ao que está unido un ganglio “cerebroide” que posúe algunhas neuronas periféricas. Carece de órganos dos sentidos especiais aínda que ten células especializadas en captaren estímulos químicos ou táctiles.
  • Carecen de aparato circulatorio e ao teren un tamaño tan pequeno o líquido que hai no celoma chégalles para o seu transporte interno. Ademais as paredes internas do peritoneo están tapizadas por cilios que xeran correntes ciliares no interior do corpo do animal.
  • O aparato dixestivo é completo, empezando na boca seguida dunha curta farinxe que desemboca nun esófago e un estómago separados pola válvula do cardia. Algúns individuos posúen molexa e outros píloro. Tamén teñen un cego gástrico que continúa cun intestino e remata nun ano.
  • Carece de órganos excretores, aínda que algúns autores pensan que nos canais bifurcados da base dos tentáculos poderían existir algúns restos de nefridios. As células das paredes do intestino encárganse dalgúns dos produtos da excreción.
  • A musculatura é escasa, sendo os movementos máis habituais os de meter e sacar o lofóforo e mover os tentáculos. Existen músculos que pechan o opérculo e moven o epistoma. Un pequeno grupo de individuos ten un tipo de locomoción especial mediante arrastramento empregando os músculos da parede inferior do corpo.

Reprodución

editar

O briozoos son dioicos (incluso os membros dunha mesma colonia poden ter sexos diferentes) ou hermafroditas. Teñen os ovarios situados de varias maneiras: unidos ao funículo (prolongación da parede do corpo que ten fibras musculares e atópase suxeitando o cego gástrico) ou unidos á parede do corpo ou ao tubo dixestivo. Os óvulos e espermatozoides forman embrións que ás veces se incuban dentro do celoma e se liberan ao dexenerar o pólipo adulto. Poucos individuos poñen os seus ovos directamente no mar.

  1. Landing, E.; English, A.; Keppie, J. D. (2010). "Cambrian origin of all skeletalized metazoan phyla--Discovery of Earth's oldest bryozoans (Upper Cambrian, southern Mexico)". Geology 38 (6): 547. doi:10.1130/G30870.1. 
  2. Halanych, K. M.; Bacheller, J. D. ; Aguinaldo, A. M.; Liva, S. M.; Hillis, D. M. e Lake, J. A. (1995): "Evidence from 18S ribosomal DNA that the lophophorates are protostome animals". Science 267 (5204): 1641–3. Bibcode 1995Sci...267.1641H. doi:10.1126/science.7886451. PMID 7886451.
  3. Ernst, A. (2007). "A cystoporate bryozoan species from the Zechstein (Late Permian)". Paläontologische Zeitschrift 81 (2): 113–117. 
  4. Fuchs, J., Obst, M. e Sundberg, P. (2009): "The first comprehensive molecular phylogeny of Bryozoa (Ectoprocta) based on combined analyses of nuclear and mitochondrial genes". Molecular Phylogenetics and Evolution 52 (1): 225–233. doi:10.1016/j.ympev.2009.01.021. PMID 19475710.
  5. 5,0 5,1 Brusca & Brusca (2005).
  6. Chapman, A. D. (2009): . Numbers of Living Species in Australia and the World, 2nd edition. Australian Biodiversity Information Services ISBN (online) 9780642568618].

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Brusca, R. C. & G. J. Brusca (2005): Invertebrados. 2ª ed. Madrid: McGraw-Hill Interamericana de España. ISBN 978-84-486-0246-8.
  • Meglitsch, P. A. (1986): Zoología de invertebrados, 2ª ed. Madrid: Pirámide. ISBN 84-368-0316-7.
  • Rupppert, E. E.; R. S. Fox & R. D. Barnes (2004): Invertebrate Zoology 7ª ed. Stamford, Connecticut (EE.UU.): Brooks/Cole. ISBN 0-03-025982-7.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar