Bisexualidade

orientación sexual cara a persoas de varios xéneros

A bisexualidade é unha orientación sexual que consiste na atracción sexual, afectiva ou sexoafectiva entre individuos de xénero (socialmente) e sexo (bioloxicamente) igual ou distinto. A maioría das persoas bisexuais non están atraídas igualmente por homes e mulleres e poden incluso variar entre estados nos que achan atractivos unicamente un dos xéneros ou sexos ao longo do tempo. Noutros casos, existe bastante estatismo no seu nivel de atracción durante o transcurso da súa vida adulta.

Bisexualidade
Bandeira de orgullo bisexual
Símbolo dos homes bisexuais.
Símbolo das mulleres bisexuais.

Valoración

editar

Aínda que a bisexualidade foi observada nunha variedade de formas nas sociedades humanas e o reino animal ao longo da historia escrita, o termo bisexualidade (como os termos heterosexualidade e homosexualidade) non foi cuñado até o século XIX.[1]

Historia

editar

Dentro da tradición occidental, adóitase dar carta de natureza á bisexualidade dende a antiga Grecia pois este tipo de relacións formaban parte da orde social establecida e eran practicadas por persoas de estamentos sociais máis relevantes, incluso polos gobernantes de Grecia e Roma.

A bisexualidade foi observada en varias sociedades humanas[2] e tamén no reino animal.[3][4][5]

Descrición

editar

Os intentos de descrición teórica da conduta bisexual aparecen marcados, dentro da tradición sexolóxica occidental, polo seu carácter de territorio ambiguo, no que a tensión entre homosexualidade e heterosexualidade fica anulada. Nun intento de desambiguación, considerouse que existen varios niveis de análises dos que derivan as diferentes formas de conceptualizar a bisexualidade:[6] Esta gradación de niveis corresponde, ademais, a unha cronoloxía nos estudos sobre a bisexualidade. As teorías pertencentes aos dous primeiros niveis, o biolóxico e psicolóxico, encadran o seu desenvolvemento durante o século XIX, mentres que as dos dous seguintes, condutual e cultural, aparecen durante o século XX.

  • Bisexualidade biolóxica. Nas teorías do primeiro nivel, a bisexualidade aparece fortemente ligada coa sexoloxía médica e co pensamento de Lamarck e Darwin. A finalidade destas teorías, que operan dende o seo do evolucionismo, é describiren a función que a bisexualidade puidese ter na perpetuación da especie humana.
  • Bisexualidade psicolóxica. Nas teorías do nivel psicolóxico, a bisexualidade foi obxecto de diversa consideración. Na obra de Freud, a bisexualidade (como acontece coa homosexualidade), a miúdo significaba a fixación dun desenvolvemento psicolóxico estancado. O traballo do psicanalista Heinz Kohut, en troques, define a bisexualidade como un intento de regulación da autoestima do individuo para acadar satisfacción tendo relacións íntimas cun sexo ou dous. A necesidade de acadar satisfacción sexual con ambos os dous sexos debe distinguirse, neste paradigma, dalgunhas formas "patolóxicas" de bisexualidade observadas no historial clínico de pacientes con personalidade de límites difusos ou febles e autorrepresentacións fluídas.
  • Bisexualidade condutual. Nas teorías do nivel condutual, céntrase a atención no estudo das biografías de individuos que presentan condutas bisexuais. Para estas teorías, dado que a conduta sexual normalmente non adoita darse cos dous sexos ao tempo, o mesmo individuo adoita relacionarse exclusivamente cun sexo ou outro durante unha fase significativa do desenvolvemento vital. Os estudos deste nivel focalizan o interese nas razóns polas que se producen estes chimpos e no seu significado. A bisexualidade concíbese así como un resultado situacional ou vital da biografía dos individuos. Esta dimensión cualitativa no estudo da conduta bisexual é eludida por outros estudos cuantitativos do comportamento sexual humano, como os de Kinsey, que se limitan ao reconto estatístico de experiencias ou desexos homosexuais e/ou heterosexuais nos individuos.
  • Bisexualidade cultural. Mentres que as teorías de corte psicolóxico e condutual centraban a súa atención no significado da bisexualidade para os individuos, e as teorías bioloxicistas, na funcionalidade universal da bisexualidade para a especie, as teorías do cuarto e máis recente nivel, o cultural, consideran que a dimensión fundamental para conceptualizar o comportamento sexual se atopa no seo das distintas culturas. Así préstase atención ás ideas culturais referidas ás relacións sexuais ou ás ideoloxías dominantes nunha cultura respecto do que se considera axeitado, saudable, moralmente aceptable ou reprobable no seo dunha sociedade concreta nun momento determinado da súa historia. Enmarcadas no seo do construtivismo social, as teorías culturais, negan a validez científica de categorías universais como a normalidade, a naturalidade ou salubridade dunhas ou outras condutas sexuais. Estas teorías son alleas a consideracións bioloxicistas da sexualidade, pois consideran que son as culturas, e non a bioloxía, as que determinan historicamente a obxectivización conceptual e o significado dos comportamentos, roles e identidades sexuais. Por iso, as teorías culturais negan que exista unha soa conceptualización da bisexualidade, senón que esta presenta distintos status e naturezas dependendo da contorna cultural que se estude. Dende esta perspectiva, dánse culturas, como a huaorani,[7] na que non só non existen a homosexualidade, heterosexualidade ou bisexualidade como conceptos obxectivos (aínda que se observen prácticas que, dende outras culturas, se conceptualizarían como tales) ou identidades sexuais máis ou menos definidas, senón que o propio concepto de sexualidade aparece esvaecido ou é inexistente. Por todo iso, a determinación do significado da bisexualidade depende da realización estudos transculturais que, evitando o etnocentrismo, dean unha visión máis ampla e veraz do asunto.


Prevalencia

editar

A mediados dos anos 50, Alfred Kinsey ideou a escala que leva o seu nome nun intento de medir a orientación sexual. A escala de sete puntos ten un índice de 0 ("exclusivamente heterosexual") até 6 ("exclusivamente homosexual"). A bisexualidade abrangue a maioría dos valores da escala (1-5), que vai desde "predominantemente heterosexual, só incidentalmente homosexual" (1) até "predominantemente homosexual, só incidentalmente heterosexual". No medio da escala o (3) é "identicamente heterosexual e homosexual".

O traballo de Alfred Kinsey Sexual Behaviour in the Human Male (1948) amosou que o "46% da poboación masculina participara en actividades de carácter heterosexual e homosexual, ou reaccionara a persoas de ambos os dous sexos no transcurso das súas vidas adultas".[8] O Kinsey Institute declarou que "Kinsey dixo en ambos os dous volumes de Sexual Behavior in the Human Male e Sexual Behavior in the Human Female que era imposible determinar o número de persoas que eran homosexuais ou heterosexuais, tan só era posible contabilizar un determinado comportamento nun período de tempo determinado".[8] Ambos os dous libros de Kinsey crearon moito rebumbio debido tanto aos seus achados como a súa metodoloxía.[9][10][11][12]

Bifobia

editar
Artigo principal: Bifobia.

A bifobia é un neoloxismo que se refire ao rexeitamento cara ás persoas bisexuais ou cara a bisexualidade mesma. Refírese ao punto de vista de que as persoas deben pertencer obrigatoriamente a algunha das outras dúas orientacións sexuais: heterosexualidade ou homosexualidade (monosexualidade obrigatoria). As persoas bisexuais poden ser obxecto de ataques bifóbicos, pois esíxeselles unha suposta "definición" da súa orientación sexual en termos dicotómicos dunha ou outra. Con todo, a bisexualidade é unha orientación tan definida como as outras. Alén diso, outras motivacións para tal rexeitamento veñen dadas por un "estereotipo" moi espallado sobre a comunidade bisexual: a suposta promiscuidade inherente á súa condición sexual. Disto poden derivar rumores de que a comunidade bisexual é responsábel de difundir enfermidades como a sífilis, a sida ou o herpes xenital, entre outras.

  1. HARPER, D. (2001). "Bisexuality". Online Etymology Dictionary. Consultado o 2007-02-16. 
  2. CROMPTON, L. (2003). Homosexuality and Civilization. Belknap Press. 067401197X. 
  3. BAGEMIHL, B. (1999). Biological Exuberance: Animal Homosexuality and Natural Diversity. Profile Books, Ltd. 1861971826. 
  4. ROUGHGARDEN, J. (2004). Evolution's Rainbow: Diversity, Gender, and Sexuality in Nature and People. University of California Press. 0520240731. 
  5. DRISCOLL, E.V. (Xullo de 2008). "Bisexual Species: Unorthodox Sex in the Animal Kingdom". Scientific American. 
  6. HERDT, G.; BOXER, A. (1995). "Bisexualidad. Hacia una teoría comparativa de las identidades y de la cultura.". Talasa. Antropología de la sexualidad y diversidad cultural. ISBN 84-88119-96-8. 
  7. RIVAL, L.; SLATER, D.; MILLER, D. (1999). "Sexo y sociabilidad. Etnografías comparativas de objetivación sexual. (Reproductividad sensual en el Amazonas: "dos haciendo", sexo entre los huaorani.". Talasa. Antropología de la sexualidad y diversidad cultural. ISBN 84-88119-96-8. 
  8. 8,0 8,1 www.kinseyinstitute.org (ed.). "Sumario de Investigacións do Kinsey Institute" (en (en inglés)). Arquivado dende o orixinal (Html) o 26/07/2010. Consultado o 22/06/2010. 
  9. REISMAN, J. "Kinsey and the Homosexual Revolution". Arquivado dende o orixinal (Html) o 04/05/2009. Consultado o 22/06/2010. 
  10. TUKEY, J.W. www.swlearning.com, ed. "Biography of Statician" (en (en inglés)). Arquivado dende o orixinal o 27/02/2015. Consultado o 22/06/2010. 
  11. A revista conservadora estadounidense Human Events cualificou o Informe Kinsey como o cuarto libro máis daniño dos séculos XIX e XX Arquivado 02 de xuño de 2012 en Wayback Machine..
  12. O Intercollegiate Studies Institute da Igrexa Católica cualificouno como "un intento perverso de demostrar que a perversión é estatisticamente normal, e o terceiro peor libro do século.