Atlántico Diario

xornal galego

Atlántico Diario é un xornal rexional da área metropolitana de Vigo.

Atlántico Diario
Fundación14 de xuño de 1987
Lingualingua castelá
LocalidadeVigo
Na rede
https://www.atlantico.net/
Twitter: atlanticodiario Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Historia

editar

En 1986 un centenar longo de investidores, na súa maioría de Vigo, constituíron a sociedade anónima Rías Baixas Comunicación, presidida polo cirurxián Juan Mosquera Luengo e con José Luis Outeiriño como conselleiro delegado. Deste proxecto nacería ó ano seguinte Atlántico Diario, un periódico concibido como unha nova alternativa informativa para o sur de Galicia e coa área metropolitana de Vigo como centro de referencia.

O primeiro número editouse o 14 de xuño de 1987, froito do traballo de corenta persoas ás ordes do xornalista Luis Rodríguez García. O rotativo presentábase como “diario independente de Galicia” e proclamaba a liberdade e o pluralismo, a defensa da economía libre, Galicia como unha vocación universal e Vigo como compromiso. O novo xornal entraba na vangarda tecnolóxica do momento ó ser o primeiro de Galicia en incluír páxinas en cor. Imprímese na rotativa do diario La Región en Ourense, a primeira de España en introducir diariamente a cor e en incorporar o offset. Con Atlántico Diario nace o seu primeiro suplemento, Motor, que máis adiante cambiou o seu nome por Autovía.

A primeira remodelación tivo lugar en 1989. A cabeceira multicor pasa a ser unicamente azul e cambia toda a maquetación do periódico, que se fai máis gráfica. En 1990 comeza a andaina do suplemento Vida, que se centrará na vida social viguesa. En 1991 nace o suplemento Universitas, para o público universitario. En 1994 aparece o suplemento Atlántico Azul, que durante anos será unha importante referencia para o mundo do mar.

En 1993 José Luis Outeiriño, editor e presidente de La Región, é nomeado presidente de Rías Baixas Comunicación, e Alfonso Sánchez Izquierdo conselleiro delegado. En 1996 houbo unha gran renovación estética e informática, coa incorporación do sistema editor Edicomp 4.000 da firma española Protec. Créase o arquivo fotográfico informatizado.

Tamén en 1996 aparece o suplemento económico Euro, en cor salmón. En 1999 ponse en marcha o suplemento Celtismo, para a afección do Real Club Celta de Vigo. No 2000 nacen o suplemento dominical La Revista e o suplemento Xornal Escolar, dedicado ó mundo do ensino.

En 2001 comeza un redeseño gradual de Atlántico, que modifica o seu aspecto e reorganiza contidos. Inclúese un editorial diario. O suplemento Vida acada os 500 números. Atlántico saca por primeira vez unha edición vespertina, con motivo dos acontecementos do 11-S en Estados Unidos.

En 2004 ponse en marcha o Foro Atlántico, un marco de debate polo que pasan relevantes personalidades de diversas áreas temáticas. Todo o periódico empeza a ser arquivado en formato dixital. 2005 Atlántico implanta a súa páxina Web corporativa.

No ano 2010 Atlántico Diario renovou de novo a súa estrutura e aspecto.

Suplementos

editar
  • Euro: dominical de 24 páxinas de fácil lectura e comprensión, que recolle información da actualidade económica, mercados, empresas e negocios da contorna empresarial. Abrangue unha ampla variedade de seccións entre as que destacan: novos produtos financeiros, consellos, entrevistas, reportaxes, mercado bolsista e laboral, turismo, e unha ampla relación de ofertas de emprego.
  • Vida: dominical de 32 páxinas no cal se reflicte de forma gráfica a vida social de Vigo e provincia. As forzas vivas da súa sociedade, opinións dos cidadáns, eventos, recomendacións, festas, celebracións, entrevistas etc.
  • Autovía: semanal de 8 páxinas, dedicadas ó mundo do motor. Unha publicación que cada mércores informa das tendencias e novidades do sector: probas, competicións, novas, mercado de ocasión etc.
  • Celtismo: publicación mensual de 32 páxinas que se centra no Real Club Celta de Vigo. Entrevistas ós xogadores, crónicas dos partidos, fichaxes, desprazamentos e declaracións, fotografías e información especializada acerca do club, a afección, as peñas e todo canto rodea ó club.
  • Xornal Escolar: suplemento de 24 páxinas que se publica os mércores durante o curso escolar, con información sobre o mundo escolar e artigos sobre videoxogos, espectáculos e cultura.
  • Universitas: centrado nos campus da Universidade de Vigo. De 8 páxinas, publícase cada xoves durante o curso académico e inclúe reportaxes, entrevistas e diversas informacións de utilidade para a comunidade universitaria, sen esquecer o mundo do deporte.
  • La Revista: dominical de 16 páxinas no que se inclúen reportaxes en profundidade, entrevistas, seccións fixas, páxinas da historia e un repaso polos temas que foron actualidade ó longo da semana.

Equipo humano

editar

Atlántico Diario contaba en 2005 con 81 persoas empregadas, o 52 % das cales eran mulleres.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar