Al Qaida

categoría de Wikimedia

Al Qaida ou Al Qaeda (árabe: القاعدة - al-Qā‘idah, "A Fundación" ou "A Base") é o nome dado a unha alianza internacional de organizacións terroristas de carácter xihadista.

Al Qaida
Logo
Tipoorganización terrorista e organización armada
Ideoloxíawahhabismo, Salafi jihadism, Qutbism, Pan-islamismo, anticomunismo, antissionismo, Antisemitismo e Islamismo
Data de fundación1988
Fundador(es)Osama bin Laden
Nomeado en referencia aXihad
Presidente/a
Saif al-Adel (pt) Traducir (2022-) Editar o valor en Wikidata
x|baseline|Editar o valor en Wikidata|link=https://www.wikidata.org/wiki/Q34490?uselang=gl#P488]]
Eventos/ActividadesAtentados terroristas às embaixadas dos Estados Unidos na África, 2000 millennium attack plots e Ataques do 11 de setembro de 2001
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria

editar

Fundación e antecedentes

editar

Fundouna Osama bin Laden o 11 de agosto de 1988 canda muxahidins de diversas nacionalidades que loitaban contra a invasión soviética de Afganistán.[1]

Durante a década de 1980, Osama bin Laden, fillo dun rico construtor saudita, trasladouse a Afganistán para combater contra os soviéticos. Alí colaborou co clérigo de orixe palestina Abdullah Azzam no traslado de islamistas dispostos a incorporarse ao campo de batalla contra os soviéticos. Contra mediados da década, creou un campamento de adestramento militar para combatentes árabes na rexión fronteiriza entre Afganistán e Paquistán. Este campo foi chamado al-Qa’ida al-‘Askariyya (en galego, base militar).[1] Durante estes anos, os servizos secretos de Arabia Saudita e a CIA dos Estados Unidos financiaron as actividades dos grupos muxahidins, aínda que se cre que non de forma importante a bin Laden, pois contaba con recursos de seu grazas a riqueza familiar.[2]

Malia a derrota soviética, Abdullah Azzam e Osama bin Laden, mantiveron o seu grupo, entendendo que debía ser a base (Al-Qaida en árabe) da futura xihad. Con todo, existían visión diferentes entre os fundadores: se ben bin Laden consideraba que se debían dar prioridade as accións internacionais, Azzam insistía en continuar en Afganistán ata o establecemento dun goberno islámico para logo centrarse contra Israel. Mais, en novembro de 1989, un coche-bomba atribuído a rivais exipcios matou a Abdullah Azzam, consolidando o poder de Osama bin Laden, que xa era emir ou líder dende a fundación.[1][2]

Para entón asumiran unha ideoloxía islámica radical que busca por medio de tácticas terroristas e militares suplantar os réximes de Oriente medio co obxectivo de xuntar a todos os musulmáns baixo un único goberno rexido estritamente polas leis islámicas ou xaria. Teoloxicamente, identificáronse co salafismo, unha rama moi puritana do islam, que afirma seguir fielmente a doutrina do profeta Mahoma. Ademais, de por "infiel", a intervención dos Estados Unidos no mundo islámico (como na Guerra do Golfo ou Somalia), convérteo nun obxectivo a atacar por Al-Qaida, canda os seus países aliados, incluso aqueles que sexan musulmáns como Exipto ou Arabia Saudita.[3]

Internacionalización e primeiros atentados (1991-2001)

editar

Durante os primeiros anos Al-Qaida estaba radicada nas provincias montañosas de Khost, Nangarhar e Paktia en Afganistán e nas Áreas Tribais baixo Administración Federal de Paquistán.[4] Está rexión será un espazo seguro para a organización ao longo do tempo.[5]

En 1991, bin Laden e outros dirixentes trasladáronse ao Sudán, onde o réxime de Omar Ahmad al-Bashir amparou as súas actividades.[2] Alí, Osama bin Laden despregou unha importante actividade empresarial que permitiu financiar a Al-Qaida. Así, Al-Qaida teceu unha rede que conectou a diferentes grupos de extremistas islámicos de Arabia Saudita, Exipto, Xordania, Líbano, Iraq, Omán, Alxeria, Libia, Tunisia, Marrocos, Somalia, Eritrea, o Chad, Malí, Níxer, Nixeria, Myanmar, Tailandia e Indonesia. Ademais, Al-Qaida proporcionou equipos e soldados ás insurxencias de Filipinas, Indonesia, Paquistán e Taxiquistán.[1] Documentación coetánea da CIA alertaba que Al-Qaida contaba con centros de recrutamento en Exipto, o Sudán e Arabia Saudita, varios milleiros de combatentes e, polo menos, tres campos de adestramento no Sudán.[6]

Durante os primeiros anos funcionou como un paraugas baixo o cal operaban diferentes grupos (como Xihad Islámica exipcia), as súas primeiras accións violentas foron ataques contra as tropas estadounidenses en Somalia (1992) e o atentado con coche-bomba no World Trade Center de Nova York (1993).[7] Nese tempo, segundo diversas fontes, incluído o Informe da Comisión Nacional dos Estados Unidos sobre os atentados do 11 de setembro de 2001, bin Laden intentou, sen éxito, conseguir armamento nuclear.[8][9][10]

Ademais, Al-Qaida fixo públicas varias fatwas, pronunciamentos legais islámicos, asinadas por bin Laden contra a presenza de tropas estadounidenses en Arabia Saudita, Iemen e Somalia chamando á morte dos "infieis".[3]

A partir de 1996, protexidos polo réxime talibán, Osama bin Laden e os seus máis estreitos colaboradores instaláronse en Afganistán, país que se converteu no centro Al-Qaida. Dende alí, bin Laden declarou a guerra santa contra os Estados Unidos o 26 de agosto de 1996.[11] Outra comunicación importante foi a fatwa do 23 de febreiro de 1998, titulada "A fronte islámica mundial contra os xudeus e os cruzados", aínda que foi asinada por Bin Laden consideráse que foi autoría Ayman Al-Zawahiri. Neste texto, Al-Qaida, anunciaba a ampliación das súas accións a nivel mundial e chamaba a matar a civís e militares dos Estados Unidos e os seus aliados. Deste xeito, segundo informes coetáneos da CIA, a organización Xihad Islámica quedou integrada en Al-Qaida.[12]

Aplicando esas ameazas, Al-Qaida fixo o seu primeiro atentado masivo, as detonacións contra as embaixadas dos Estados Unidos en Nairobi e Dar es Salaam (7 de agosto de 1998) nas que faleceron máis de 220 persoas.[13] Estes atentados foron un cambio importante no funcionamento de Al-Qaida pois deseñou e executou o ataque por ela mesma.[1] Segundo algunhas investigacións, a data do atentado foi escollida por bin Laden por ser o inicio da chegada das tropas dos Estados Unidos a Arabia Saudita durante Guerra do Golfo.[14]

A preocupación dos servizos de intelixencia estadounidenses aumentou logo destes ataques, pero Al-Qaida o 12 de outubro de 2000 perpetrou un atentado suicida no porto de Adén contra o destrutor USS Cole que custou a vida de 17 marines.[15][6]

Do 11-S á morte de bin Laden (2001-2011)

editar

Al Qaida conseguiu notoriedade pública internacional tralos atentados do 11 de setembro de 2001 ao World Trade Center en Nova York e ao Pentágono en Washington.[16] Nestes ataques morreron case 3 000 persoas.[17] A CIA confirmou a autoría de Al-Qaida esa mesma tarde e días máis tarde o goberno do Reino Unido corroborou as ligazóns entre Al-Qaida e os ataques.[18] Malia as negacións iniciais feitas tanto as autoridades dos talibáns como o propio bin Laden sobre a súa implicación,[19][20] Al-Qaida acabou por recoñecer a súa responsabilidade.[21][22] Como consecuencia do 11-S, o presidente dos Estados Unidos, George W. Bush, declarou a "guerra contra o terrorismo" e ordenou a invasión de Afganistán contra os talibáns por amparar a Al-Qaida.

Malia a que bin Laden e o seu segundo, Ayman al Zawahiri, fuxiron de Afganistán en decembro de 2001, moitos cadros intermedios de Al-Qaida foron capturados polas forzas armadas dos Estados Unidos e os seus aliados.

Logo, Al-Qaida proseguiu facendo atentados masivos como en 2002 cos atentados na praia de Khuta en Balí, nos que morreron duascentas persoas; os atentados do 11-M en Madrid o 11 de marzo de 2004 e os Londres o 7 de xullo de 2005. Ademais tamén se lle atribúen numerosos atentados en Iraq e Afganistán.

A estratexia operativa de Al-Qaida neses anos era conseguir a incorporación de grupos xihadistas de distintos lugares, nacendo así Al-Qaida no Iemen (logo redenominada como Al-Qaida na Península Arábiga), Al-Qaida en Iraq (posteriormente xermolo do Estado Islámico) e Al Qaida no Magreb Islámico, unha das máis activas.[23]

O domingo 1 de maio de 2011 o presidente dos Estados Unidos Barack Obama anunciou que o líder de Al Qaida Osama bin Laden morreu nunha operación militar realizada por forzas especiais do exército dos Estados Unidos nun luxoso complexo residencial preto da cidade de Abbottabad (Paquistán) onde estaba agochado coa súa familia.

Liderado de Al Zawahiri (2011-2022)

editar

O sucesor de Osama bin Laden á fronte da organización foi exipcio Ayman al Zawahiri, estreito colaborador del dende a década de 1980.[24] Para os analistas, a falta de carisma de Al-Zawahiri restoulle lexitimidade como combatente ante os grupos xihadistas. Malia o debilitamento político, Al-Qaida deu maior autonomía ás células terroristas para acadar os seus obxectivos.[25] Inicialmente, Al-Zawahiri procurou reforzar as súas redes no golfo de Adén e no Pérsico, así como no Corno de África e no Magreb.[26]

En 2013, a autoridade de Al-Zawahiri foi desafiada por Abu Bakr al-Baghdadi, quen transformou Al-Qaida Iraq no Estado Islámico (ISIS) e avanzou sobre as posicións sirias controladas por Al-Qaida.[27] Finalmente, en febreiro de 2014, Ayman al-Zawahiri rompeu co ISIS.[28] Con todo, Al-Qaida non puido evitar a deserción de combatentes que se integraron nas filas de Abu Bakr al-Baghdadi, nin que para moitos islamistas radicalizados occidentais, ISIS resultase máis atractivo que Al-Qaida.[29]

A nova estratexia de Al-Qaida foi centrarse en accións próximas que reforcen a súa alianza con grupos xihadistas locais, pasando a un plano secundario os ataques terroristas en Occidente.[30] Deste xeito, Al-Qaida axudou aos talibáns na súa insurxencia e toma do poder en Afganistán, persegue a instauración dun protocalifato en Malí, e intenta gañar territorios no Iemen e Siria.[25] Tamén potenciou a súa actividade no subcontinente indio para evitar a difusión do ISIS aló.[31]

Con todo, Al-Qaida perpetrou importantes ataques como en xaneiro de 2015 cos atentados de Charlie Hebdo no que faleceron 12 persoas e que foi reivindicado polo grupo iemenita.[32] Tamén destacou o de Ouagadugú en 2018, con 16 falecidos e 85 feridos,[33] e, en 2019, o tiroteo de Pensacola con catro persoas mortas.[34]

Pouco despois de que os talibáns conseguisen de novo o control de Afganistán en 2021, incrementáronse as sospeitas de que Al-Qaida podería volver a establecer alí as súas bases.[35] O 1 de agosto de 2022, o presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, anunciou na Casa Branca que Ayman al-Zawahiri fora asasinado o 31de xullo de 2022 en Cabul ás 6 h 18 hora local, por un ataque de mísiles AGM-114 Hellfire disparados desde un dron manexado pola CIA.[36]

Teorías alternativas

editar

Segundo algunhas fontes, o termo Al-Quaeda procede dunha frase maior que significa "Base de datos", unha base de datos onde figuran tódolos nomes daqueles muxahidin que loitaron contra o intento de poñer Afganistán baixo a órbita comunista soviética.

Algúns movementos activistas, coma o Movemento Zeitgeist, non recoñecen a existencia física desta organización, senón que afirman que se trata dunha organización imaxinaria instaurada polo mesmo goberno dos Estados Unidos co obxectivo de xustificar intervencións bélicas en calquera lugar do planeta, como a chamada "Guerra contra o terrorismo", o que xera ganancias astronómicas para selectos grupos económicos dominantes (grandes bancos, fabricantes de armas, corporacións da industria do combustible etc), e de manipular a opinión pública coa intención de logra-lo apoio democrático suficiente para sancionar leis antiterroristas, como a controvertida Lei Patriótica, as cales se caracterizan, entre outros aspectos, pola restrición de liberdades e garantías constitucionais, como a privacidade das persoas e as súas actividades, aplicables tanto para cidadáns estadounidenses como estranxeiros.

Do mesmo modo, estaos movementos sosteñen que os atentados atribuídos a Al Qaeda foron en realidade operacións de falsa bandeira, respaldando esta teoría con antecedentes tales como a desestimación estadounidense á contundente evidencia que advertía sobre o Ataque de Pearl Harbour, permitindo así o ataque e xustificando deste modo a intervención na segunda guerra mundial, ou como a indiferenza ás advertencias do goberno alemán sobre o ataque a calquera navío que transitara as costas irlandesas, o cal tivo como consecuencia o afundimento do RMS Lusitania, transatlántico que levaba entre outros a 234 pasaxeiros estadounidenses, e que foi afundido por un submarino alemán, provocando a intervención dos Estados Unidos na primeira guerra mundial.

Existen varios documentais que cuestionan a participación de Al-Quaeda nos atentados do 11 de setembro de 2001, como "ZERO" de Franco Fracassi e Francesco Trento[37], "Farenheit 911" de Michael Moore, "11 de Septiembre engaño Global", "Autoatentado das Torres Xemelgas" e algún máis.

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 University, © Stanford; Stanford; California 94305. "MMP: Al Qaeda". cisac.fsi.stanford.edu (en inglés). Consultado o 2022-08-07. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "The Rise of Bin Laden and the Al Qaeda Organization (1988-1992)". 911.gnu-designs.com. Arquivado dende o orixinal o 24 de outubro de 2020. Consultado o 2022-08-07. 
  3. 3,0 3,1 "Al Qaeda - Background". www.pbs.org. Consultado o 2022-08-07. 
  4. Stenersen, Anne (2017). "Vanguards". Al-Qaida in Afghanistan. Cambridge: Cambridge University Press. pp. 13–31. ISBN 978-1-107-07513-9. 
  5. "Al Qaeda in the Tribal Areas of Pakistan and Beyond". www.ojp.gov. Consultado o 2022-08-07. 
  6. 6,0 6,1 "The Osama Bin Laden File". nsarchive2.gwu.edu. Consultado o 2022-08-07. 
  7. "Homemade, Cheap and Dangerous" (en inglés). ISSN 0190-8286. Consultado o 2022-08-07. 
  8. "Building an Organization, Declaring War on the United States (1992-1996)". 911.gnu-designs.com. Consultado o 2022-08-07. 
  9. Chauhan, Sharad S. (2003). The Al-Qaeda Threat (en inglés). APH Publishing. ISBN 978-81-7648-473-2. 
  10. Gertz, Bill (2012-03-28). Breakdown: How America's Intelligence Failures Led to September 11 (en inglés). Simon and Schuster. ISBN 978-1-59698-710-4. 
  11. "12/20/00:Fact sheet: Charges against Usama Bin Laden". 1997-2001.state.gov. Consultado o 2022-08-07. 
  12. "[Title Excised]. "Terrorism: Incorporation of Ayman Zawahiri's al-Jihad Organization into Usama Bin Ladin's al-Qa'ida; Recent Activities of Egyptian Associates of al-Qa'ida," Central Intelligence Agency Intelligence Report.". nsarchive.gwu.edu. Consultado o 2022-08-07. 
  13. "The Trail Of Evidence - Fbi Executive Summary - Hunting for bin Laden". FRONTLINE (en inglés). Consultado o 2022-08-07. 
  14. Rohan Gunaratna (2002). Inside Al Qaeda. Columbia University Press. ISBN 978-0-231-12692-2. 
  15. "USS Cole Bombing". Federal Bureau of Investigation (en inglés). Consultado o 2022-08-07. 
  16. "National Commission on Terrorist Attacks Upon the United States". govinfo.library.unt.edu. Consultado o 2022-08-07. 
  17. "Accused 9/11 mastermind open to role in victims' lawsuit if not executed". Reuters (en inglés). 2019-07-29. Consultado o 2022-08-07. 
  18. Tyler, Patrick E. (2001-10-05). "A NATION CHALLENGED: EVIDENCE; British Detail bin Laden's Link to U.S. Attacks". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 2022-08-07. 
  19. "A DAY OF TERROR - THE AFGHANS - Condemning Attacks, Taliban Says bin Laden Not Involved - NYTimes.com". web.archive.org. 2013-11-18. Archived from the original on 18 de novembro de 2013. Consultado o 2022-08-07. 
  20. Bergen, Peter L. (2021-08-03). The Rise and Fall of Osama Bin Laden (en inglés). Simon and Schuster. p. 164. ISBN 978-1-9821-7052-3. 
  21. Wright, Lawrence (2006). The looming tower : Al-Qaeda and the road to 9/11. New York : Knopf. p. 79. ISBN 978-0-375-41486-2. 
  22. Bergen, Peter L. (2021-08-03). The Rise and Fall of Osama Bin Laden (en inglés). Simon and Schuster. p. 185. ISBN 978-1-9821-7052-3. 
  23. Cragin, R. Kim (2014-09). "A RECENT HISTORY OF AL-QA'IDA". The Historical Journal (en inglés) 57 (3): 803–824. ISSN 0018-246X. doi:10.1017/S0018246X14000065. 
  24. "Who was al-Qaeda’s leader Ayman al-Zawahiri?". www.aljazeera.com (en inglés). Consultado o 2022-08-02. 
  25. 25,0 25,1 "CIDOB - Al Qaeda después de Bin Laden: descentralización y adaptación". CIDOB. Consultado o 2022-08-07. 
  26. "IgadiPaper nº72". Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI). Consultado o 2022-08-07. 
  27. "L'Etat islamique en Irak et au Levant, l'avenir du djihadisme mondial". Le Monde.fr (en francés). 2014-01-08. Consultado o 2022-08-07. 
  28. "Why Al-Qaeda Kicked Out Its Deadly Syria Franchise". Time (en inglés). Consultado o 2022-08-07. 
  29. "ISIS By the Numbers: Foreign Fighter Total Keeps Growing". NBC News (en inglés). Consultado o 2022-08-07. 
  30. "Al-Qaeda’s Resurrection". Council on Foreign Relations (en inglés). Consultado o 2022-08-07. 
  31. "Al-Qaida in Indian subcontinent plans revenge attacks over prophet remarks". the Guardian (en inglés). 2022-06-08. Consultado o 2022-08-07. 
  32. AGENCIAS, RTVE es / (2015-01-14). "Atentado contra 'Charlie Hebdo': Al Qaeda en Yemen reivindica el atentado contra 'Charlie Hebdo' "en venganza" por las viñetas de Mahoma". RTVE.es (en castelán). Consultado o 2022-08-07. 
  33. "Attaques de Ouagadougou : un nouveau bilan fait état de huit militaires burkinabés tués". Le Monde.fr (en francés). 2018-03-07. Consultado o 2022-08-07. 
  34. "AQAP claims “full responsibility” for shooting at Naval Air Station Pensacola". www.longwarjournal.org (en inglés). 2020-02-02. Consultado o 2022-08-07. 
  35. "Pentagon chief: al-Qaida may seek comeback in Afghanistan". AP NEWS (en inglés). 2021-09-09. Consultado o 2022-08-07. 
  36. "Joe Biden anuncia a morte do líder de Al Qaeda nunha operación antiterrorista cun dron en Cabul". G24. Consultado o 2022-08-07. 
  37. http://www.youtube.com/watch?v=6xm5A9sTijA&feature=related