Accidente dun Learjet 45 en 2008
O 4 de novembro de 2008, un avión modelo Learjet 45XR caeu cando se aproximaba ao aeroporto de Cidade de México. No accidente faleceron catorce persoas, entre elas o ministro de interior mexicano, o galego Juan Camilo Mouriño.
Voo da Learjet 45XR | |
---|---|
Un avión similar ó accidentado.
| |
Resumo | |
Data | 4 de novembro de 2008 |
Causa | Aínda descoñecida |
Lugar | Cidade de México |
Coordenadas | |
Orixe | San Luís de Potosí |
Destino | Cidade de México |
Finados | 16 |
Feridos | 40 |
Aeronave | |
Tipo de aeronave | Learjet 45 |
Operador | Secretaría de Gobernación |
Rexistro | XC-VMC |
Pasaxeiros | 7 |
Tripulación | 2 |
Superviventes | 0 |
A aeronave
editarO avión era un Learjet 45 XR, propiedade do goberno de México. Os Learjet 45 son avións pequenos, de 17,68 m de eslora, e 14,57 m de amplitude de ás, e que alcanza unha velocidade de cruceiro de 457 nós. Están fabricados pola empresa canadense Bombardier Aerospace.
Ten espazo para dúas persoas no posto de mando e 9 pasaxeiros. No avión voaban no momento do accidente 3 tripulantes e 5 pasaxeiros. Fora fabricado no ano 2000 e a súa matrícula era XC-VMC.
Lugar do accidente
editarO pequeno avión facía a viaxe de volta dende o aeroporto Ponciano Arriaga, na cidade de San Luis Potosí ata o aeroporto Benito Juárez de Cidade de México. Engalou ás 17:30, hora local, e tiña prevista a aterraxe pouco antes das sete da tarde. Ás 18:42 a torre de control perdeu o contacto co avión, cando este estaba realizando xa a manobra de aproximación á pista.
O avión caeu sobre a estrada Paseo de la Reforma, unha das principais arterias do oeste de Cidade de México á altura do cruzamento coa rúa Prado Norte, e a escasos metros do bosque de Chapultepec, un dos pulmóns arbóreos da capital mexicana.
As causas
editarUnha primeira hipótese asociou o accidente á reducida distancia entre o avión e un Boeing 767 que viaxaba diante, e que puido ser orixe de turbulencias que derrubasen a aeronave[1]. Porén, e tendo en conta o alto perfil político das vítimas, a investigación non descartou[2] un atentado, sucedido precisamente logo de semanas de grandes disturbios no país entre as forzas do estado e bandas de narcotraficantes, que se cobraron 4.200 mortos[2].
Finalmente, as pescudas consideraron que a primeira hipótese era a correcta, e que a escasa distancia entre os avións foi produto da inexperiencia dos pilotos[3].
As vítimas
editarFaleceron 14 persoas, e ata 40 resultaron feridas de diversa consideración. Entre os falecidos estaba toda a tripulación e a pasaxe da aeronave (8 persoas) e seis persoas máis, de distintas nacionalidades, que se atopaban na rúa sobre a que caeu o avión.
Tres dos falecidos ocupaban elevadas posicións na política mexicana. Un era Juan Camilo Mouriño, político e economista galego, que nese momento era o ministro da Gobernación (interior) mexicano. Tamén faleceu José Luis Santiago Vasconcelos, alto cargo do ministerio e responsable da loita contra a droga, e Miguel Monterrubio, voceiro do ministerio.
Notas
editar- ↑ "Murió Mouriño al caer nave". El Universal (en castelán). 5 de novembro de 2008. Arquivado dende o orixinal o 01 de novembro de 2013. Consultado o 06 de novembro de 2008.
- ↑ 2,0 2,1 Pablo Ordaz (6 de novembro de 2008). "El Gobierno mexicano no descarta que el accidente aéreo haya sido un atentado". El País (en castelán).
- ↑ "México revela que el accidente aéreo se debió a un error de los pilotos". El País (en castelán). 15 de novembro de 2008.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Accidente dun Learjet 45 en 2008 |