Época vitoriana

período da historia do Reino Unido

A época vitoriana da historia do Reino Unido marcou a cúspide da súa Revolución Industrial e do Imperio Británico. Aínda que esta expresión úsase comunmente para referirse ó extenso reinado de Vitoria I (20 de xuño de 1837 - 22 de xaneiro de 1901), algúns académicos anticipan o comezo do período, caracterizado polos profundos cambios ocorridos nas sensibilidades culturais e nas preocupacións políticas, á promulgación da Acta de Reforma de 1832. Historicamente, esta etapa foi precedida pola Rexencia e continuada polo período eduardiano.

A raíña Vitoria no quincuaxésimo aniversario do seu ascenso ó trono.

A raíña Vitoria, con 64 anos no trono, tivo o reinado máis longo até entón na historia dos monarcas británicos (logo superado polo da súa tataraneta Isabel II coroada en 1953), e os cambios culturais, políticos, económicos, industriais e científicos que tiveron lugar durante o seu reinado foron extraordinarios. Cando Vitoria ascendeu ó trono, Inglaterra era esencialmente agraria e rural; á súa morte, o país atopábase altamente industrializado e a maioría do seu territorio xa estaba conectado por unha rede ferroviaria que seguía expandíndose. A transición non foi suave. As primeiras décadas do reinado de Vitoria foron testemuñas de varias epidemias (especial gravidade revestiron as de tifo e cólera), serios problemas na produción e distribución de alimentos básicos e os consecuentes colapsos económicos. Tamén se produciron disturbios sociais causados pola inequidade da configuración do dereito de sufraxio e en protesta pola derrogación das leis agrícolas (Corn Laws), aprobadas durante as guerras napoleónicas.[1]

Etapas

editar

Esta época divídese en tres etapas:

  • Vitorianismo temperán (1837-1851), co ascenso ó trono da raíña Vitoria, que conforma a fase de asentamento da sociedade nada trala Revolución Industrial.
  • Vitorianismo medio (1851-1873). A Grande Exposición, celebrada no Crystal Palace de Londres, considérase o comezo dun longo período de estabilidade interna, propiciado pola hexemonía que obtivo o Reino Unido ó ser o primieiro estado que culminou exitosamente o proceso industrializador característico deste século en Occidente.
  • Vitorianismo tardío (1873-1901). Agudízanse os problemas con Irlanda (territorio que non obtería a súa independencia ata o ano 1921), e coas colonias, e simultaneamente, radicalízase o movemento obreiro e sindical.